17/02/2012

Vídeo de ORFEO e EURÏDICE

O mito de ORFEO e EURÍDICE é un mito de AMOR, e un dos mitos gregos que máis ten influido na arte e na literatura occidental. Como forma parte dos mitos do deus Hades e, polo tanto, entrará no exame, déixovos este vídeo que espero vos sirva como repaso ao visto en clase.



07/02/2012

ETAPA HELENÍSTICA


Alexandre Magno morre de febres no ano 323 a.C., á idade de 33 anos. Alexandre pretendera formar un gran imperio mesturando a cultura oriental e a grega, xa que cría nun imperio universal e na unidade de todos os homes e os pobos, segundo as ideas estoicas.
A súa sucesión foi difícil e acabouse dividindo o seu reino entre os seus xenerais que fundaron os REINOS HELENÍSTICOS, ao estilo persa. Creáronse tres grandes reinos:
1- Macedonia e Grecia >>> dinastía Antigónida
2-Asia Menor, Siria, Mesopotamia e Persia>>> dinastía Seléucida
3-Exipto >>> dinastía Ptolomaica
 
CRONOLOXÍA (323 a.C.- s.I a.C.)
Chámase período helenístico ao que abarca desde a morte de Alexandre (323 a.C.) ata finais do s. I a.C. coa conquista de Exipto polos romanos, sendo unha época de notabeis cambios.
 
CARACTERÍSTICAS:
  1. Difusión da lingua e a cultura grega por todo o imperio de Alexandre. A koiné converteuse na lingua oficial dos novos reinos e, grazas a ela, a cultura grega pasou a ser universal. Máis tarde os romanos asimilaron este helenismo grego e foron os seus continuadores.
  2. Aumento dos xéneros literarios e das edicións dos libros.
  3. Triunfo das relixións mistéricas que propiciaban unha relación máis directa entre o home e a divindade.
  4. Avance científico grazas á relación entre a tradición exipcia e babilónica e aos coñecementos técnicos gregos.
  5. Gran desenvolvemento económico con apertura das rutas comerciais.
  6.                                       Laocoonte e seus fillos. Museo Pío Clementino (Vaticano-Roma)
  7. Atenas segue a conservar o seu prestixio cultural, pero xorden outras cidades como Pérgamo, Mileto, Rodas, Antioquía e Alexandría que serán novos de centros de difusión da cultura grega e contribuíron ao desenvolvemento da ciencia mediante a creación de bibliotecas e museos.
FIN:
Coa conquista de Grecia por Roma no ano 146 a.C., tras a batalla de Corinto, podemos dicir que termina esta etapa, aínda que a podemos facer chegar ata o ano 31 a.C., data da batalla de Accio na que cae o último dos reinos helenísticos, Exipto.