08/10/2009

HIPATIA DE ALEXANDRÍA (2)

Óleo de Charles William Mitchell (1885)

Xa hai vinte días que se estreou Ágora, e a estas alturas seguro que algúns de vós xa fostes a vela. Á espera dos vosos comentarios, sigamos aprendendo cousas da época na que se sitúa a acción desta película.

ALEXANDRÍA NO SÉCULO IV-V

A finais do século IV da nosa era en Exipto, que pertencía ao Imperio Romano de Oriente, a Igrexa cristiá defendía a súa independencia respecto ao poder imperial. Mentres foi bispo de Alexandría Teófilo (385-412), a colaboración entre as autoridades civis e as eclesiásticas foi harmoniosa. Mais as inxerencias en cuestións puramente civis do seu sucesor, o bispo Cirilo, provocaron o desencontro co prefecto da cidade, Orestes, alumno de Hipatia. Comezaron entón os rumores de que ela era a causa do enfrontamento entre o bispo e o prefecto, e da súa relación con supostas cerimonias máxicas.
Lembrade que podedes enviar os vosos comentarios ao correo bibliodieste@hotmail.com. Aparecerán publicados neste blogue.

01/10/2009

HIPATIA DE ALEXANDRÍA (1)


Retrato idealizado de Hipatia. Gasparo’s. 1908
O día 9 de outubro estréase a película de Amenábar, Ágora, que trata sobre a vida de Hipatia de Alexandría -tedes un comentario e o tráiler da película na sección carteleira-. Nestas páxinas vouvos contar quen foi esta muller da que tanto se está falando estes días. Pero vouno facer por entregas. Velaquí a primeira sobre os seus comezos:

HIPATIA ( ῾Υπατία ) naceu en Exipto, na cidade de Alexandría, na segunda metade do século IV da nosa era (ca.355/370). O seu pai foi Teón de Alexandría, que seguramente traballaba e daba clases na Biblioteca do Serapeo, sucesora da lendaria Gran Biblioteca que desapareceu no incendio do ano 48 a.C. O feito de que seu pai fose un famoso matemático e astrónomo propiciou que desde nena se educase nun ambiente culto, dominado pola escola neoplatónica alexandrina; a súa casa foi un verdadeiro fervedoiro intelectual a onde acudían estudantes de todas partes do mundo coñecido. Tamén propiciou a súa paixón pola búsqueda do descoñecido; viaxou a Atenas e a Roma sempre co mesmo afán de aprender e de ensinar. Respectada como unha profesora eminente e carismática, ensinou matemáticas, xeometría e astronomía no Museo de Alexandría; educou a aristócratas que chegaron a ocupar altos cargos, como Sinesio de Cirene, bispo de Ptolomaida (Fenicia), e Orestes, prefecto romano. Sabemos que inventou aparatos para medir a densidade dos líquidos, destilar a auga e medir o seu nivel.

Se vos interesa saber máis sobre este tema, podedes acudir ao seguinte enlace:
http://terraeantiqvae.blogia.com/2007/113001-hipatia-de-alejandria-la-primera-mujer-cientifica-de-la-historia.php