29/09/2009

MI VIDA EN RUÍNAS

Case sempre nos primeiros días de curso preguntades o mesmo: imos a Grecia este ano? E eu non sempre podo dicir que si, simplemente porque non podo ir todos os anos (quen me dera!). Mais a vosa pregunta fixo que estes días lembrase á miña amiga Nina, a guía grega das nosas viaxes, unha muller agarimosa con todos, á que tras sete días de convivencia comprendes que lle importas (non concibo unha viaxe a Grecia sen Nina). Por iso téñoa moi presente á hora de vos recomendar esta película, Mi vida en ruínas, que trata precisamente das peripecias dunha guía turística grega e un grupo de turistas. É divertida e con ela pasaredes un bo rato. Déixovos co tráiler e espero que vos guste.


13/09/2009

COMEZA UN NOVO CURSO

Estamos xa ante o comezo dun novo curso. Desde aqui queremos dar a benvida a todos os alumnos de Grego e Cultura Clásica e desexarlles que os deuses lles sexan favorables nesta nova singradura. Intentaremos que este blogue sexa un punto de encontro para todos os "clásicos", non só con noticias interesantes relacionadas co mundo grecorromano e enlaces útiles para a realización dos traballos de clase, senón tamén cun foro no que participemos todos e sirva para comunicarnos na rede.
Para empezar déixovos co enlace a unha páxina que seguro consultaremos moito ao longo do curso, e que nos trae as últimas novidades do mundo clásico. Espero que vos guste e CARGADE AS PILAS ANTE ESTE CURSO QUE XA EMPEZA!