23/06/2009

A SABEDORÍA DE SÓCRATES

DAVID, A morte de Sócrates

En certa ocasión un amigo e discípulo de Sócrates, de nome Querefonte, acudiu ao oráculo de Delfos a preguntar se había alguén máis sabio que Sócrates. E a Pitia respondeu que ninguén era máis sabio. Sócrates dirixiuse entón a un político dos que pasaban por ser sabios e, tras dialogar con el, chegou á seguinte conclusión, que conta Platón con estas palabras:

Οὗτος μὲν οἴεταί τι εἰδέναι οὐκ εἰδώς, ἐγὼ δέ, ὥσπερ οὖν οὐκ οἶδα, οὐδὲ οἴομαι·

Ese cre saber algo, non sabéndoo, mentres que eu, como non o sei, tampouco o creo.

ἔοικα γοῦν τούτου γε σμικρῷ τινι αὐτῷ τούτῳ σοφώτερος εἶναι, ὅτι ἃ μὴ οἶδα οὐδὲ οἴομαι εἰδέναι.

Semella, pois, que polo menos son máis sabio que el por ese pequeno detalle precisamente, porque o que non sei tampouco creo sabelo.
PLATÓN, Apoloxía de Sócrates 21 d

Dado que hoxe, 23 de xuño, rematan as clases, e ao mellor algun alumno cre que sabe algo, paréceme axeitado deixar no blogue como despedida esta reflexión.
Que pasedes unhas boas vacacións e...até setembro.

20/06/2009

EXPOSICIÓN SOBRE HOMERO

INGRES, Apoteose de Homero

HOMERO, gran poeta grego do século VIII a. C., é o protagonista dunha exposición que se está a celebrar en Viena na Biblioteca Nacional Austríaca (ÖNB) desde hoxe, 20 de xuño, ata 0 15 de xaneiro. Baixo o título "O fenómeno Homero", esta exposición repasa a influencia e fascinación que este poeta épico exerceu e exerce no imaxinario cultural europeo.

"Abordamos con esta exposición un tema que é tan vello como a cultura escrita europea. A escritura de Homero estivo no corazón da cultura grega, e con iso, tivo unha enorme influencia en Europa", explica Johanna Rachinger, a directora da ÖNB.
Desde a antigüidade sempre existiron dúbidas e discusións sobre a atribución dos dous extensos poemas a Homero, nacido no século VIII a.C. Unha disputa coñecida como "a cuestión homérica". A exposición non aborda tanto a autoría como a utilización dos distintos soportes que permitiron sobrevivir a narración no papiro hai máis de 2.500 anos, dar o salto ao pergamiño, aos códices, sobrelevar sen problemas a revolución da imprenta e chegar á tecnoloxía dixital do século XXI con plena vixencia.
Todos eses soportes pódense contemplar na exposición en decenas de documentos, ademais de debuxos de distintas épocas, e diverso material gráfico.

Pero como xurdiron estes poemas? No mundo hai uns 2.000 fragmentos de pergamiño que recollen versos das epopeas, pero estes textos son copias de copias que nos chegaron ata hoxe, polo que coñecer algo do seu proceso de composición nunha data tan lonxana é moi difícil.
Un texto particularmente importante móstrase na exposición, un fragmento dun pergamiño exipcio do século III a.C. no que se poden ler versos orixinais d'A Iliada sen que fosen cribados polos filólogos da Biblioteca
de Alexandría, Busto de Homero (Museos Vaticanos)
que eliminaron pasaxes e deron ao texto o aspecto que hoxe coñecemos.
Homero non é só o bardo cego que ás veces se ten representado, senón a cristalización manuscrita de toda unha literatura oral anterior que senta as bases de Occidente, segundo os organizadores da mostra.
Para Rachinger ese salto desde a tradición oral á escritura supón "o comezo dun pensamento cultural en Europa".
Aínda que se sabe moi pouco sobre a vida de Homero e os debates sobre a súa autoría seguen, é innegable a enorme influencia deste relato nas letras, a historia e a arte europeas. Aquiles, Héctor, Ulises, Penélope e Telémaco son só algúns dos personaxes de dúas sagas que engaiolaron a imaxinación de Europa durante séculos.
Na Iliada recréase a guerra de Troia, e na Odisea descríbese a viaxe de volta de Ulises á súa patria, Ítaca, relatado innumerables veces.
Na mostra pódense ver numerosos pergamiños provintes de Exipto, e mesmo unha narración do século II titulada "O exipcio e as amazonas" con paralelismos con A Iliada.
Tamén se analiza a ambigua relación que o cristianismo tivo cos textos de Homero, xa que por un lado se tachou de pagano debido aos deuses gregos que aparecían nos seus relatos, pero por outro foi considerado o príncipe dos poetas.
Durante séculos, o primeiro libro d'A Iliada utilizouse como un exercicio imprescindible de caligrafía en grego en numerosos mosteiros e era habitual recitalo de memoria.
Tras a chegada da imprenta, contar cos textos clásicos era prácticamente unha obriga en calquera biblioteca podente.
Tamén na ópera se adaptou o relato épico coa obra lírica "Il pomo d'oro", que se estreou en Viena en 1668, e que recrea o inicio da guerra de Troia.
A utilización das obras de Homero na escola con material escolar de distintas épocas exponse tamén, así como algunhas referencias sobre adaptacións fílmicas.
A última delas, a película "Troia" protagonizada por Brad Pitt, non só foi un éxito nas pantallas, senón que nalgúns países como Reino Unido converteu a Homero no poeta máis vendido, un "bestseller", moitos séculos despois.

EXAMES SELECTIVIDADE

Nestes enlaces tedes os exames de Selectividade de Grego dos últimos anos:
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2008PDFs/GregoII.pdf
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2007PDFs/GregoII.pdf
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2006PDFs/GregoII.pdf
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2005PDFs/GregoII.pdf
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2004PDFs/criterios/GregoII.pdf

03/06/2009

TEMAS DE 2º DE BACH.

O século V a. C.

Estes esquemas da historia de Grecia no s. V a. C. poden ser de utilidade para repasar algúns temas culturais de 2º de Bacharelato de cara á Selectividade.