12/12/2009

A CIVILIZACIÓN MINOICA O CRETENSE

Como o próximo luns 14 de decembro temos o exame da 1ª avaliación, aqui vos deixo este interesante enlace que vos vai permitir repasar e comprobar coñecementos sobre o último tema visto en clase, CRETA e a CIVILIZACIÓN CRETENSE.

19/11/2009

O Partenón no Museo Británico

Puiden ver e gravar este vídeo a primeira vez que visitei o Museo Británico nunha viaxe con alumnos de Bacharelato no ano 2004. Desde entón vémolo en clase de Grego, malia a súa baixa calidade xa que foi gravado pola miña cámara. Sempre pensei que era unha lástima que non o puidesen ver todos os alumnos de Bacharelato, tanto os de letras como os de ciencias, porque creo que é moi interesante. Hoxe atopeino nunha páxina e comprobo que ten mellor calidade que o meu, así que aquí o tedes. ESPERO QUE VOS GUSTE.


UN XOGO DIDÁCTICO DE ARTE


Seguro que a estas alturas de curso xa vistes en 2º a arte grega. Se é verdade que estivestes atentos, premede neste enlace e comprobade os vosos coñecementos. Será útil como repaso para futuros exames.

Na mesma páxina tedes tamén arte romana e exipcia.
¡ÁNIMO E A REPASAR!

04/11/2009

RODIN E A MITOLOXÍA SIMBOLISTA

O pensador, Auguste Rodin, Museo Rodin (Paris)
Onte, 3 de novembro, os alumnos de Cultura Clásica de 3º de ESO e os da materia de Grego de Bacharelato asistimos no Kiosco Alfonso a unha visita guiada da exposición Rodin e a mitoloxía simbolista. A experiencia resultou fructífera e disfrutamos das súas obras máis famosas: o pensador, o beso, os burgueses de Calais, as portas do Inferno, o home co naris roto, etc. Pero aprendimos tamén que Rodin é outro de tantos autores a través dos que podemos aprezar as pegadas da cultura clásica. Son moitas as esculturas da exposición que tratan o tema mitolóxico. Lembramos, por exemplo, a Orfeo suplicando aos deuses a volta de Eurídice; unha Danaide que retorce o seu corpo sobre un bidón, alusión ao castigo eterno; a Cariátide portando unha pedra; Cupido e Psique; Iris, a mensaxeira dos deuses; Ícaro cunhas ás que recordan a súa caída; sátiros, as tres faunas, sereas, centauros, musas, esfinxes; e, por suposto, os deuses: Dioniso, Afrodita, Apolo.... Para que poidades satisfacer a vosa curiosidade sobre este autor e as súas obras, aqui tedes varios enlaces interesantes:


http://es.wikipedia.org/wiki/Auguste_Rodin
http://www.epdlp.com/pintor.php?id=356
http://www.musee-rodin.fr/welcome.htm

E agora, á espera dos vosos comentarios, déixovos con dous vídeos que, tras a visita de onte, creo que todos poderemos disfrutar máis.






08/10/2009

HIPATIA DE ALEXANDRÍA (2)

Óleo de Charles William Mitchell (1885)

Xa hai vinte días que se estreou Ágora, e a estas alturas seguro que algúns de vós xa fostes a vela. Á espera dos vosos comentarios, sigamos aprendendo cousas da época na que se sitúa a acción desta película.

ALEXANDRÍA NO SÉCULO IV-V

A finais do século IV da nosa era en Exipto, que pertencía ao Imperio Romano de Oriente, a Igrexa cristiá defendía a súa independencia respecto ao poder imperial. Mentres foi bispo de Alexandría Teófilo (385-412), a colaboración entre as autoridades civis e as eclesiásticas foi harmoniosa. Mais as inxerencias en cuestións puramente civis do seu sucesor, o bispo Cirilo, provocaron o desencontro co prefecto da cidade, Orestes, alumno de Hipatia. Comezaron entón os rumores de que ela era a causa do enfrontamento entre o bispo e o prefecto, e da súa relación con supostas cerimonias máxicas.
Lembrade que podedes enviar os vosos comentarios ao correo bibliodieste@hotmail.com. Aparecerán publicados neste blogue.

01/10/2009

HIPATIA DE ALEXANDRÍA (1)


Retrato idealizado de Hipatia. Gasparo’s. 1908
O día 9 de outubro estréase a película de Amenábar, Ágora, que trata sobre a vida de Hipatia de Alexandría -tedes un comentario e o tráiler da película na sección carteleira-. Nestas páxinas vouvos contar quen foi esta muller da que tanto se está falando estes días. Pero vouno facer por entregas. Velaquí a primeira sobre os seus comezos:

HIPATIA ( ῾Υπατία ) naceu en Exipto, na cidade de Alexandría, na segunda metade do século IV da nosa era (ca.355/370). O seu pai foi Teón de Alexandría, que seguramente traballaba e daba clases na Biblioteca do Serapeo, sucesora da lendaria Gran Biblioteca que desapareceu no incendio do ano 48 a.C. O feito de que seu pai fose un famoso matemático e astrónomo propiciou que desde nena se educase nun ambiente culto, dominado pola escola neoplatónica alexandrina; a súa casa foi un verdadeiro fervedoiro intelectual a onde acudían estudantes de todas partes do mundo coñecido. Tamén propiciou a súa paixón pola búsqueda do descoñecido; viaxou a Atenas e a Roma sempre co mesmo afán de aprender e de ensinar. Respectada como unha profesora eminente e carismática, ensinou matemáticas, xeometría e astronomía no Museo de Alexandría; educou a aristócratas que chegaron a ocupar altos cargos, como Sinesio de Cirene, bispo de Ptolomaida (Fenicia), e Orestes, prefecto romano. Sabemos que inventou aparatos para medir a densidade dos líquidos, destilar a auga e medir o seu nivel.

Se vos interesa saber máis sobre este tema, podedes acudir ao seguinte enlace:
http://terraeantiqvae.blogia.com/2007/113001-hipatia-de-alejandria-la-primera-mujer-cientifica-de-la-historia.php

29/09/2009

MI VIDA EN RUÍNAS

Case sempre nos primeiros días de curso preguntades o mesmo: imos a Grecia este ano? E eu non sempre podo dicir que si, simplemente porque non podo ir todos os anos (quen me dera!). Mais a vosa pregunta fixo que estes días lembrase á miña amiga Nina, a guía grega das nosas viaxes, unha muller agarimosa con todos, á que tras sete días de convivencia comprendes que lle importas (non concibo unha viaxe a Grecia sen Nina). Por iso téñoa moi presente á hora de vos recomendar esta película, Mi vida en ruínas, que trata precisamente das peripecias dunha guía turística grega e un grupo de turistas. É divertida e con ela pasaredes un bo rato. Déixovos co tráiler e espero que vos guste.


13/09/2009

COMEZA UN NOVO CURSO

Estamos xa ante o comezo dun novo curso. Desde aqui queremos dar a benvida a todos os alumnos de Grego e Cultura Clásica e desexarlles que os deuses lles sexan favorables nesta nova singradura. Intentaremos que este blogue sexa un punto de encontro para todos os "clásicos", non só con noticias interesantes relacionadas co mundo grecorromano e enlaces útiles para a realización dos traballos de clase, senón tamén cun foro no que participemos todos e sirva para comunicarnos na rede.
Para empezar déixovos co enlace a unha páxina que seguro consultaremos moito ao longo do curso, e que nos trae as últimas novidades do mundo clásico. Espero que vos guste e CARGADE AS PILAS ANTE ESTE CURSO QUE XA EMPEZA!

02/07/2009

EDIPO REI


Atopándose xa Edipo no trono de Tebas tras libera-lo reino da esfinxe mediante a resolución desa famosa adiviña («Que ser provisto de voz é de catro patas, de dúas e de tres?» segundo a sinxela formulación de Apolodoro), e casado con Iocasta como premio, o oráculo impón a necesidade de impartir xustiza sobre un crime cometido hai tempo: a morte do rei tebano Laio, anterior esposo de Iocasta. Como monarca, corresponde a Edipo resolve-lo misterio que envolve o asasinato. Para isto recorre ó adiviño Tiresias, quen se nega a lle revelar a verdade dos feitos, pero que remata por sinalar como culpable a Edipo con palabras encubertas cando éste, sumido no desacougo de non achar ningunha resposta diáfana, deshónrao ó calificalo de falso mediador entre o futuro e o presente. Cunha grosa venda sobre os seus ollos e sen un caxato co que dar paus de cego, Edipo comeza torpemente as súas investigacións apuntando co dedo acusador a Creonte, irmán da súa muller, como instigador dunha conspiración contra el. Dende este momento, una sorte de casualidades enlazadas coa súbita aparición de personaxes clave significará a apertura dun vieiro en liña recta polo que Edipo camiñará sen mirar cara a atrás, aumentando a velocidade a medida que contemple a proximidade dunha amarga clausura, do muro contra o que finalmente se estrelará. A verdade alumeará a face de Edipo abrasando as súas pálpebras como o máis potente dos focos policiais, afundíndoo nunha abafante desesperación, na que a duras penas poderá eleva-la voz para esixir penitencia. Penitencia polos pecaminosos actos que a ánima corrupta dun parricida con gusto polo incesto cometera.
O Edipo Rei de Sófocles conságrase como particular proxenitor da novela policíaca que hoxe coñecemos. A través dunha estrutura construída coa precisión do mecanismo dun reloxo, o lector é propulsado a medida que a obra avanza ata verse a sí mesmo a varios metros por enriba das páxinas, contemplando unha panorámica de tea de araña e seguindo con repentina lucidez os fíos que unen o destino de cada un dos personaxes. Tanto a traxedia grega como o mito do que ésta parte enuncian a impotencia de home, sexa cal sexa a súa orixe, o seu nome ou o seu título, para saír triunfante dunha lide corpo a corpo co fatum, tecido por un xurado de deuses impasibles e inmisericordes, contra os que toda estrataxema, por moi ben urdida que poida estar, cae en saco roto. O destino fatal e inamobible dos monicreques desta historia finca neles os seus escuros ollos e perségueos en sepulcral silencio, contando os segundos que restan para apretar-la corda ó redor dos seus pescozos. As férreas fauces da fatalidade.
Comentario de CARLA NOVOA DE JESÚS (2º Bacharelato)

A COMEDIA GREGA

O teatro en Grecia xurdiu na 2ª metade do s. VI a.C., no momento no que a poesía lírica comezaba a decaer (malia o exemplo de Píndaro no s. V), e mantívose como xénero dominante até o comezo da etapa helenística, cando épica, lírica e teatro empezaron a cultivarse de forma diferente e simultánea.A comedia (κωμῳδία, como xa nos di Aristóteles na súa Poética) é un dos tres xéneros teatrais, xunto á traxedia e ao drama satírico, todos eles escritos en verso. Desenvolvía temas da vida cotiá tratados con risa, burla e humor: a trama consistía nun problema que o heroe cómico acababa solucionando, acadando un final feliz que, xeralmente, se conseguía por medio de elementos sobrenaturais e fantásticos. A linguaxe e o estilo estaban acordes coas clases sociais representadas polas personaxes, e a miúdo incluían xiros propios da linguaxe popular.Distínguense dúas etapas

1-A comedia antiga, con ARISTÓFANES como máximo representante, criticaba a situación política derivada da Guerra do Peloponeso.

2-A comedia nova, na que destaca MENANDRO, trataba temas costumistas e moralizantes e tiña como finalidade a evasión da realidade.

Ao igual que a traxedia, este xénero teatral estaba relacionado co culto ao deus Dioniso e representábase no seu teatro. O elenco constaba de 2 ou 3 actores que interpretaban todas as personaxes valéndose de máscaras e vestidos, e un coro dirixido polo corifeo. Co verso combinábase a música e a danza.

23/06/2009

A SABEDORÍA DE SÓCRATES

DAVID, A morte de Sócrates

En certa ocasión un amigo e discípulo de Sócrates, de nome Querefonte, acudiu ao oráculo de Delfos a preguntar se había alguén máis sabio que Sócrates. E a Pitia respondeu que ninguén era máis sabio. Sócrates dirixiuse entón a un político dos que pasaban por ser sabios e, tras dialogar con el, chegou á seguinte conclusión, que conta Platón con estas palabras:

Οὗτος μὲν οἴεταί τι εἰδέναι οὐκ εἰδώς, ἐγὼ δέ, ὥσπερ οὖν οὐκ οἶδα, οὐδὲ οἴομαι·

Ese cre saber algo, non sabéndoo, mentres que eu, como non o sei, tampouco o creo.

ἔοικα γοῦν τούτου γε σμικρῷ τινι αὐτῷ τούτῳ σοφώτερος εἶναι, ὅτι ἃ μὴ οἶδα οὐδὲ οἴομαι εἰδέναι.

Semella, pois, que polo menos son máis sabio que el por ese pequeno detalle precisamente, porque o que non sei tampouco creo sabelo.
PLATÓN, Apoloxía de Sócrates 21 d

Dado que hoxe, 23 de xuño, rematan as clases, e ao mellor algun alumno cre que sabe algo, paréceme axeitado deixar no blogue como despedida esta reflexión.
Que pasedes unhas boas vacacións e...até setembro.

20/06/2009

EXPOSICIÓN SOBRE HOMERO

INGRES, Apoteose de Homero

HOMERO, gran poeta grego do século VIII a. C., é o protagonista dunha exposición que se está a celebrar en Viena na Biblioteca Nacional Austríaca (ÖNB) desde hoxe, 20 de xuño, ata 0 15 de xaneiro. Baixo o título "O fenómeno Homero", esta exposición repasa a influencia e fascinación que este poeta épico exerceu e exerce no imaxinario cultural europeo.

"Abordamos con esta exposición un tema que é tan vello como a cultura escrita europea. A escritura de Homero estivo no corazón da cultura grega, e con iso, tivo unha enorme influencia en Europa", explica Johanna Rachinger, a directora da ÖNB.
Desde a antigüidade sempre existiron dúbidas e discusións sobre a atribución dos dous extensos poemas a Homero, nacido no século VIII a.C. Unha disputa coñecida como "a cuestión homérica". A exposición non aborda tanto a autoría como a utilización dos distintos soportes que permitiron sobrevivir a narración no papiro hai máis de 2.500 anos, dar o salto ao pergamiño, aos códices, sobrelevar sen problemas a revolución da imprenta e chegar á tecnoloxía dixital do século XXI con plena vixencia.
Todos eses soportes pódense contemplar na exposición en decenas de documentos, ademais de debuxos de distintas épocas, e diverso material gráfico.

Pero como xurdiron estes poemas? No mundo hai uns 2.000 fragmentos de pergamiño que recollen versos das epopeas, pero estes textos son copias de copias que nos chegaron ata hoxe, polo que coñecer algo do seu proceso de composición nunha data tan lonxana é moi difícil.
Un texto particularmente importante móstrase na exposición, un fragmento dun pergamiño exipcio do século III a.C. no que se poden ler versos orixinais d'A Iliada sen que fosen cribados polos filólogos da Biblioteca
de Alexandría, Busto de Homero (Museos Vaticanos)
que eliminaron pasaxes e deron ao texto o aspecto que hoxe coñecemos.
Homero non é só o bardo cego que ás veces se ten representado, senón a cristalización manuscrita de toda unha literatura oral anterior que senta as bases de Occidente, segundo os organizadores da mostra.
Para Rachinger ese salto desde a tradición oral á escritura supón "o comezo dun pensamento cultural en Europa".
Aínda que se sabe moi pouco sobre a vida de Homero e os debates sobre a súa autoría seguen, é innegable a enorme influencia deste relato nas letras, a historia e a arte europeas. Aquiles, Héctor, Ulises, Penélope e Telémaco son só algúns dos personaxes de dúas sagas que engaiolaron a imaxinación de Europa durante séculos.
Na Iliada recréase a guerra de Troia, e na Odisea descríbese a viaxe de volta de Ulises á súa patria, Ítaca, relatado innumerables veces.
Na mostra pódense ver numerosos pergamiños provintes de Exipto, e mesmo unha narración do século II titulada "O exipcio e as amazonas" con paralelismos con A Iliada.
Tamén se analiza a ambigua relación que o cristianismo tivo cos textos de Homero, xa que por un lado se tachou de pagano debido aos deuses gregos que aparecían nos seus relatos, pero por outro foi considerado o príncipe dos poetas.
Durante séculos, o primeiro libro d'A Iliada utilizouse como un exercicio imprescindible de caligrafía en grego en numerosos mosteiros e era habitual recitalo de memoria.
Tras a chegada da imprenta, contar cos textos clásicos era prácticamente unha obriga en calquera biblioteca podente.
Tamén na ópera se adaptou o relato épico coa obra lírica "Il pomo d'oro", que se estreou en Viena en 1668, e que recrea o inicio da guerra de Troia.
A utilización das obras de Homero na escola con material escolar de distintas épocas exponse tamén, así como algunhas referencias sobre adaptacións fílmicas.
A última delas, a película "Troia" protagonizada por Brad Pitt, non só foi un éxito nas pantallas, senón que nalgúns países como Reino Unido converteu a Homero no poeta máis vendido, un "bestseller", moitos séculos despois.

EXAMES SELECTIVIDADE

Nestes enlaces tedes os exames de Selectividade de Grego dos últimos anos:
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2008PDFs/GregoII.pdf
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2007PDFs/GregoII.pdf
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2006PDFs/GregoII.pdf
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2005PDFs/GregoII.pdf
http://ciug.cesga.es/02paau/PAAU2004PDFs/criterios/GregoII.pdf

03/06/2009

TEMAS DE 2º DE BACH.

O século V a. C.

Estes esquemas da historia de Grecia no s. V a. C. poden ser de utilidade para repasar algúns temas culturais de 2º de Bacharelato de cara á Selectividade.